domingo, 30 de maio de 2010

VIAXANDO POR TERRAS ARAGONESAS

O venres 28 de Maio viaxamos ata o municipio de Fraga situado no extremo sureste da provincia de Huesca para recibir o Premio otorgado polo Ministro de Educación no Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la Dinamización e Innovación de las Bibliotecas Escolares na modalidade de Centros Públicos de Educación Primaria.




Preme na foto se queres saber máis cousas de Fraga.

Os diplomas foron entregados por Eva Almunia secretaria de Estado de Educación e Formación Profesional a un total de 27 colexios e institutos de toda España nun acto solemne que se celebrou no Palau Montcada de Fraga, sede da biblioteca pública municipal da capital fragatina, e no que estivo acompañada pola conselleira de Educación do Goberno de Aragón, María Victoria Broto.



Preme nas fotos e segue os enlaces.

Durante a nosa estancia neste municipio aragonés visitamos a biblioteca do colexio público Miguel Servet que recibiu este premio no ano 2006. A persoa responsable da biblioteca amosounos o seu traballo e as múltiples actividades que levan a cabo para acercar os libros ao alumnado.


Iniciou o acto o alumnado poético do IES Bajo Cinca cun menu de poesías recitadas e durante o evento puidemos escoitar a maxistral intervención do vicepresidente da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, Don Antonio Basanta Reyes que rematou con tres palabras esenciais para o noso traballo nas bibliotecas "Equipo, equipo... equipo"

Para rematar o evento un grupo de nais do CEIP Miguel Servet que organiza ao longo do curso contacontos para representar no centro, puxeron en escena o conto A que sabe a lúa?



Segue a noticia no Faro de Vigo.

sábado, 29 de maio de 2010

II CONCURSO DE LITERATURA MARIÑEIRA BUEUINFORMA 2009-2010

Este é o segundo ano de convocatoria deste concurso de literatura mariñeira organizado pola Confraría de Pescadores San Mariño de Bueu, e como o ano pasado os nenos e nenas dos diferentes ciclos participaron nel con moita ilusión, presentando os seus traballos que podedes ver se premedes aquí.

O venres 28 de maio entregáronse os premios na Confraría de Pescadores e ata alí se desprazaron todos e todas as premiados/as.

Do noso cole resultaron gañadores:

Os nenos e nenas de 2ºA que presentaron un conto con audio feito en común por toda a clase e contado por eles mesmos titulado Matilda recibiron o Premio ao traballo máis valorado de Infantíl/1º ciclo primaria:



Os Premios na categoría do segundo ciclo foron para unha nena e un neno da clase de 4º A :
1º Premio: Lara LLorente Vidal co poema titulado:

"NO FONDO DO MAR"

No fondo do mar
vivía unha lura
á que lle gustaba soñar
e viaxaba sen parar.

No fondo do mar
había un polbiño
que era ben bonitiño
e sempre estaba en camiño.

No fondo do mar
vivía unha robaliza
que viaxaba a Ibiza
con moita preguiza.

No fondo do mar
había un caranguexo
que rompía as rochas co seu peso
porque sempre ía moi teso.

No fondo do mar
había un rodaballo
que tiña un bo traballo
e era listo coma un allo.

No fondo do mar
había unha sardiña
moi pequerrechiña
e que tiña unha espiña.

No fondo do mar
había un linguado
un pouco descarado
que sempre ía armado.

No fondo do mar
vivía unha raia
que levaba unha saia
e pasaba o día na praia.

2ºPremio: Daniel Fariña Muinelo co conto titulado:

UNHA HISTORIA DE POLISÓNS
Esta historia puido ter ocorrido ou non, nun buque mercante con bandeira española e tripulación mercante, alá polo anos oitenta.
Este barco tiña unha misión aparentemente sinxela; transportar unha carga dende Angola a Siria. Nada lles faría pensar o que máis tarde ocorrería.
Non era un mar perigoso, pero aínda así todas as precaucións serían poucas. Repartiron e amarraron ben a carga nas bodegas pois xa sabían as consecuencias que pode supoñer un corremento de carga., bidóns e palletes sen control correndo de proa a popa e de babor a estribor, poñendo en perigo a estabilidade da embarcación e das súas propias vidas. Isto é algo que se te ocorre unha vez na vida non es quen de esquecer xamais.
Pero esta non é a nosa historia. Ese día tras colocar a carga a carga , levaron áncoras rumbo Siria cunha escala en Marrocos e outra en Tunisia. Aínda que fosen mariñeiros experimentados, non podían evitar sentir unha certa emoción cando soaba a bucina que ordenaba a manobra de saír. Iso sempre lles lembraba que alá, dentro dos seus corazóns amaban o mar.
Ao día seguinte, o contramestre do barco baixou as bodegas ben cedo para asegurarse que todo estaba no seu lugar. Sentiu uns ruído e ao abrir a porta do susto a mandíbula lle chegou ao chan e os ollos lle saíron das órbitas. Era un auténtico lobo de mar, tiña cincuenta e cinco anos e dende os quince estaba navegando pero nunca na súa vida vira algo semellante. Tres persoas lle miraban asustadas, encollidas nunha esquina da bodega. Eran negras como o carbón. O contramestre saíu correndo e gritando:
Capitán, capitán, polisóns, polisóns! Na bodega, na bodega!
Pronto a cuberta encheuse de xente e o ruído envolveuno todo. O capitán tivo que impoñer a súa autoridade e dixo:
Silenciooo! Escoitemos ao contramestre!
Tras oír a historia, capitán, oficiais e xefe de máquinas reuníronse para decidir que farían. Cederíanlle un camarote e ao chegar a Marrocos falarían coas autoridades para que os deportaran ao seu país. Pero o primeiro era darlles de comer. Foron buscalos ás bodegas, estaban moi asustados, tanto os polisóns coma a tripulación. Todos xuntos, subiron ao comedor. Os pobres estaban famentos.
Coas barrigas cheas empezaron a falar. Os seus nomes eran Walkindro, Wanolito e Joshua. Eran mozos angolanos, tan pobres que a súa única ambición era chegar a España para traballa e escapar da miseria. Que desgusto se levaron cando se decataron que ese buque coa súa flamante bandeira española ía rumbo Siria! As lágrimas invadiron as súas negras faces. Ao capitán deulle tanta pena que non foi quen de contarlle a súa intención de entregalos ás autoridades marroquís.
A viaxe foi tranquila e os polisóns foron integrándose. Divertíanse cos mariñeiros e insistían en cooperar nas labores do barco. Ao capitán cada vez se lle facía máis difícil levar a cabo a súa decisión de entregalos. Lle parecían boas persoas, traballadoras e ledos e con dereito a ter unha vida mellor, pero sabía que non entregalos era delito e poría en perigo a súa carreira e a de toda a tripulación. Estaba obrigado a entregalos.
Cando estaban a punto de chegar a tripulación pediulle ao capitán que non os entregase, pois xa os consideraban os seus compañeiros. Algún propuxo que os enrolasen, pero o capitán xa tiña a decisión tomada.
Atracar en Marrocos foi fácil. Os tres polisóns estaban escondidos nos seus camarotes e o capitán gardou a chave para que ninguén cometese ningunha imprudencia.
Non lle importou quedar de malo. Dixo que ía ao consulado, cando en realidade deu un paseo por Agadir. Non ía entregalos, pero tampouco comprometería a súa tripulación.
Volveu contando, aparentemente enfadado, que o consulado non quería facerse cargo. Saíron daquel porto o máis rápido posible. Esa noite houbo festa no barco. O capitán non puido evitar sentirse feliz.
Tiña o seu plan trazado. Farían outra escala rápida en Tunisia, e a altura de Sicilia acercaríanse a unha praia para que a nado puidesen alcanzar a costa e así poder empezar unha nova vida en Europa. Contoullo á tripulación e todos estiveron de acordo. Chegaron á altura de Sicilia ao anoitecer. O mar estaba en calma e os tres polisóns estaban moi nerviosos. Por fin terían a súa oportunidade. A tripulación lle tiña preparado unha sorpresa, pois lle tiñan preparados uns paquetes con comida e algo de diñeiro. Quedáronse ata comprobar que alcanzaban terra.
Agora podédesme crer ou non. Pero e vos direi que o meu avó aínda sinte medo ao relatarme esta historia. Era un secreto gardado por un antigo capitán que agora é o meu querido avó.


Dous Premios especiais:

* A Papirus, a mascota do CEIP A Pedra de Bueu.

* Premio ao Colexio máis participativo: CEIP A Pedra de Bueu.

Se queredes ler todos os contos premiados preme aquí.

Se queredes máis información sobre este concurso entrade na páxina de BueuINforma.

Aquí vos deixamos unhas fotos da entrega de premios e da gravación que posteriormente fixeron as cámaras da televisión na nosa biblioteca.



ABRAHAM CARREIRO

O xoves 20 de Maio visitou a nosa biblioteca e deleitounos coa súa arte o ilustrador e escritor Abraham Carreiro.
Durante uns días na hora de ler os nenos e nenas de 1º e 2º ciclo disfrutaron cos libros da colección "Contos que len outros nenos do mundo" unha colección que trata de achegarnos ás diferentes culturas do mundo mediante contos populares de distintos lugares. Cada conto vai introducido pola mascota da colección, unha cigoña a que lle gusta moito viaxar e que é a encargada de contar os contos.
Contounos que a idea ocurréuselle porque estando de viaxe en Polonia leu unha historia tradicional daquel país e pareceulle moi interesante coñecer contos doutras culturas. Para escribir estas historias ten que documentarse moito e levalle aproximadamente un mes rematar cada conto.
Nesta presentación poderás descubrir todo sobre a súa visita, os seus debuxos, os seus consellos e as súas respostas ás nosas preguntas.

I CORRELINGUA EN BUEU

O venres 21 de maio disfrutamos do I CORRELINGUA DO MORRAZO que se celebrou en Bueu e no que participaron 12 centros.
Os nenos, nenas e profes do Ceip A Pedra preparamos as nosas camisetas brancas para a ocasión escribindo o nome do cole pola parte de atras.
Sobre as 10.30 chegaron os autobuses e as 11.00 comenzou a marcha polas rúas do pobo. Os maiores abrían o camiño cunha pancarta co nome do cole e o lema elexido para a ocasión "Galego, a forza do noso amor". Despois de percorrer as rúas durante case unha hora, rematamos no parque coa actuación do grupo Mamá Cabra sobre as 12.00 da mañá.


Os nenos/as fartaronse de bailar e para soportar a intensa calor que facía tiveron que se refrescar cun pouco de auga. Aquí podedes ver unha selección de imaxes que reflexan como se viviu o evento.




luns, 17 de maio de 2010

PAPIRUS EN AFRICA

Seguindo á nosa mascota, Papirus, chegamos a este continente e froito da nosa investigación xurde esta presentación que recolle os traballos que os nenos e nenas fixeron nas súas titorias.

venres, 14 de maio de 2010

CONCURSO: QUE SABEMOS DE UXIO NOVONEYRA?

Durante todo o mes de maio, colocado na entrada da escola, atópase este panel expositor.

Cada luns presentamos ao noso alumnado unha pregunta sobre a vida e a obra de Uxío Novoneyra homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Ao longo da semana os nenos e nenas investigan empregando todos os medios que os seus titores poñen ao seu alcance ou consultando a sección LETRAS GALEGAS no lateral deste blog. Depositan a resposta que consideren acertada na furna colocada para tal efecto.

Cada venres, o equipo de ENDL selecciona varias das respostas acertadas e o nome destes nenos/as vanse expondo no mesmo taboleiro. Ao final da actividade recibirán un agasallo moi especial.

Estas son as preguntas que foron formuladas:

Onde e cando naceu Uxío Novoneyra?

En que libro están recollidos os seus poemas máis coñecidos?

Cantos anos tiña cando casou?

A quen se lle adica o Día das Letras Galegas este ano?

En que cidade estudou o bacharelato?

Como se chaman os seus fillos?

E estes son os nomes dos premiados/as:

Carlos Pérez Bacelar 3º B

Raúl Otero Agulla 4ºA

Xabier Pastoriza Rodríguez 2ºB

Manuel Otero Agulla 4ºB

Cristina Barcia Otero 2ºA

Laura Pastoriza Senmartín 1ºB

Naiara Martínez Dasilva 3ºA

Benjamín García Ruibal 1ºA

Anselmo Ferreira Juncal 5ºB

Manuel Framil de Amorín 5ºB

Elena Porto Golobardas 3ºB

Manuel Méndez del Río 1ºA

Raúl Piñeiro Graña 1ºB

Zaira Herbello Abal 3ºA

Daniel Otero Estévez 2ºB

Simón Martínez Mosteiro 2ºA

Amanda Casás Juncal 4ºA

Carla Portela Gómez 5ºA

Pedro Ogando Martínez 4ºB

Manuel Gestido 6ºA

Lara Fernández 6ºA

Águeda Ríos Puentes 6ºB

Mónica Malvido Martínez 6ºB

Angela Domínguez 6ºC

Abel García 6ºC

Ricardo Gutiérrez Juncal 5ºA



AS BIBLIOTECAS ESCOLARES NO PARLAMENTO

AGABEL(Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a lectura) asistíu á sesión plenaria no Parlamento do 11 de maio na que comparecia o Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, don Jesús Vázquez Abadpara informar sobre a situación das bibliotecas escolares en Galicia e a súa contribución á lectura e á aprendizaxe” Preme na imaxe e accederás á crónica do que alí se dixo.

domingo, 9 de maio de 2010

TODOS E TODAS AO TEATRO

O pasado venres 7 de maio, todo o cole disfrutou da actuación do grupo de títeres de Redondela, Tanxarina, no Centro Social do Mar de Bueu.

Viñeron co seu espectáculo "Contaloucos" e contáronnos dúas historias ou como din eles "Dous contos contados por tres loucos"

A primeira historia era sobre os átomos e unha guerra atómica na que as bombas deciden non loitar. O que máis impresionou aos nenos e nenas foi cando empezaron a arder os edificios da cidade por efecto das bombas porque era lume real.

Coa segunda historia ensináronos que a amizade debe estar por encima das riquezas materiais.

DEBUXAMOS CON SUSO CUBEIRO

O mércores 5 de maio os nenos e nenas de infantil e do 1º ciclo recibiron a Suso Cubeiro, ilustrador coruñés da natureza e de libros infantís e xuvenís.
Falounos do seu traballo, como fai primeiro os debuxos en grande na súa casa e despois na editorial meten as letras dentro adaptándoas ao espazo que teñen.
Contounos que debuxa a natureza empregando técnicas parecidas aos graffitis (aerografía) e lle leva uns 6 días pero que hoxe en día emprega o ordenador para pintar.
Adicounos un debuxo en acuarela, para o que se precisa un papel especial e tamén nos contou un conto a través de ilustracións e debuxos "Pepe e Pepa teñen un avó e un gato. O avó contalles a historia da balea presumida e o bufo."
Díxonos que cando era pequeno lle gustaba debuxar batallas navais e que lle ten que ler porque lle gusta e porque o necesita para o seu traballo.
Antes de marchar contestou as nosas preguntas, asinou no libro de visitas da biblioteca e estuvo ollando as adiviñas que inventaran e ilustraran os nenos de 2º e que lle pareceron fantásticas.



sábado, 8 de maio de 2010

XABIER P. DOCAMPO

O mércores 5 de maio tivemos o privilexio de contar coa presenza de Xabier P. Docampo na nosa biblioteca. Veu para estar cos nenos e nenas do 2º e 3º ciclo que xa o coñecían porque leran os seus libros. Contounos moitas cousas interesantes sobre el e os seus contos e fíxonos pasar un tempo moi divertido. Os nenos/as fixéronlle moitas preguntas ás que el respondeu con moita simpatía e sentido do humor.

Falounos da súa infancia humilde, o seu pai era muiñeiro e a súa nai costureira e o que máis abundaba na súa casa era fame.

Cando eras pequeno xa querías ser escritor?
Cando era neno levábanme á Alameda de Lugo a escoitar a Banda de Música Municipal e por aquela época quería ser director de orquesta.

A que idade empezaches a escribir?
Con 11 anos a causa do meu ingreso nun terrible internado onde me trataron moi mal e a forma de xogar e ser féliz era inventar historias e darllas a ler aos compañeiros.

Contounos que calquera cousa pode servirnos de punto de partida para escribir unha historia. "Cada texto que escribimos habémolo redactar como un borrador para retomalo despois, correxilo e reformalo".

Dixonos que se é escritor cando as historias che nacen de dentro, que a súa inspiración xurde das cousas que pasan na vida, do cotiá "Levántome todas as mañás de mala gana, coma todo o mundo, sento a traballar e doulle voltas á cabeza porque a inspiración só se queda comigo cando me atopa traballando"


Canto tempo tardaches en escribir O pazo baleiro?
Levoume uns 13 ou 14 meses: nunha primeira volta escribín todo de corrido ata rematar a historia, na segunda volta revisei o escrito e na terceira busquei a música das palabras.

Son reais os personaxes?
Todo o que sucede nos libros existe nos dous sitios máis importantes, na cabeza do escritor e na do lector. Todo o que está nos libros é real mentres estás lendo.


Con que personaxe te identificas máis?
Os dous personaxes que teñen moito de min mesmo no libro son Nicolás e Delio por iso me reflexo neles.

Por que escribes libros de misterio?
Porque me gusta o misterio porque sempre hai que facerse preguntas e buscar respostas. As respostas que xa se saben non importan...

Son reais Eiravella e o pazo?
Eiravella está na miña imaxinación e respecto do pazo... crieime ao lado dun pazo aínda que nunca entrei nel por iso me parecía moi misterioso, onde si entrei moitas veces foi na casa dos caseiros do pazo.

Cales son os teus escritores preferidos?
Teño moitos favoritos pero recoméndovos a Robert Louis Stevenson coa súa maravillosa novela "A illa do tesouro" e se me preguntas por outro, Alvaro Cunqueiro porque todo o fixo ben.

A que libro lle tes máis cariño?
Cada pai quere a cada fillo, cos libros pasa igual. As veces quereselle máis ao último, porque parece máis feble, máis desprotexido.

Escribiches algunha vez un cómic?
Escribín o guión dun cómic hai tempo para a revista "Golfiños" co ilustrador Covas, sempre traballo con este ilustrador.

Como consegues que o lector se meta dentro do personaxe?
Se algunha vez o consigo será escribindo con moita paixón. Non quero escribir ningún libro que non me guste escribir, e teño a sorte de poder facelo así.

Cantos libros tes publicados?
Arredor de 30, pero iso non me interesa, non me importa o proceso posterior á redacción do libro, porque o que de verdade me gusta é escribir. O primeiro libro que publiquei foi O misterio das badaladas pero xa levaba un tempo escribindo e tiña 3 libros escritos.

Non lle interesa o éxito, impórtalle que as persoas que len os seus libros se cheguen a emocionar con eles "Non me avergonzo de ningún dos libros que escribín, do que si estou orgulloso é dos libros que lin"comenta parafraseando a Borges.
Considérase afortunado por ter o privilexio de crear mundos e personaxes.


Moitas grazas pola túa visita Xabier.