xoves, 22 de novembro de 2012

RECITANDO CELSO EMILIO

Este é o lema da convocatoria que pretende rendirlle homenaxe ao gran poeta celanovés CELSO EMILIO FERREIRO. 
Co gallo do centenario do seu nacemento  desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística promóvese unha acción de carácter colectivo consistente no recitado público do seu coñecido poema: DEITADO FRONTE AO MAR publicado no libro Longa noite de pedra (1962). 


DEITADO FRONTE AO MAR

Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Neste video pódese escoitar o poema musicado polo grupo Dios ke te Crew.



Se queres máis información podes acceder ao blog de Dinamización Lingüística dende AQUÍ.

Ningún comentario:

Publicar un comentario