sábado, 27 de abril de 2013

XABIER DOCAMPO VISITA O BIBLIOCASTELO

Este xoves 25 de abril tivemos a gran sorte de contar con XABIER P. DOCAMPO na nosa biblioteca.
 

Veu para falar cos rapaces e rapazas de sexto aos que tiña engaiolados co seu libro "O MISTERIO DAS BADALADAS"


Era a segunda vez que visitaba o Bibliocastelo e recibímolo con moita ilusión porque lle tiñamos preparada unha sorpresa: o misterio do bibliocastelo.


Dentro deste sobre estaban as pistas que tivo que seguir para descubrir o noso segredo,


E como non podía ser doutra maneira resolveu todos os enigmas sen ningún problema.


Queremos darlle as grazas pola súa enorme paciencia e esperamos que lle gustara o xogo, aínda que sexa so a metade do que nos gustou a nós.
Tamén lle queremos agradecer as súas sabias palabras animándonos a ler e aprender.
Se queredes saber máis de como foi a súa visita preme na imaxe inferior.


domingo, 21 de abril de 2013

ACTIVIDADES PARA O DÍA DO LIBRO

Esta semana imos por en marcha unha serie de actividades para conmemorar a celebración do DÍA DO LIBRO.
En primeiro lugar agradecemos a Paula Carballeira o precioso texto co que nos obsequiou para esta data e que imos ler en todas as aulas o martes 23 de abril durante a hora de ler.


SÓ UN LIBRO

Non sei que facer.
Miña irmá regaloume un libro.
Un libro.
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo.
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos.
Nada.
É só un libro.
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse.
Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona.
Non. 
Que vai reaccionar!
Espera.
O libro espera.
Non se decata de que son máis forte ca el.
Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio.
Se cadra estase rindo de min.
Crerase  moi importante por ser un libro.
Vouno abrir.
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña eses aires de superioridade.
Vaia!
Non está nada mal.
Empézame a caer simpático.
Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo.
Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento.
Era xusto o que eu quería.
Un libro.
Este libro.

A partires do luns 22 de abril e ata o venres 26 imos celebrar, en horario de recreo, unha MARATÓN LECTORA. O obxectivo é, ademais de promover a lectura, dar a coñecer unha serie de títulos en galego de gran calidade que non son os que o noso alumnado habitualmente len, no seu tempo de ocio.
Empezaremos coa lectura de "O PRINCIPIÑO" que ven de cumprir 65 anos e é un dos libros máis lidos no mundo porque foi traducido a 180 linguas diferentes. 
"VERBAS DE SAL", "NERA A FERREIRA", "LUCES, BICOS E CORES", "TRES CONTOS MARABILLOSOS", "RIMAS CON PIRULETA" son algúns outros títulos que estarán presentes nesta maratón. Se queres saber máis preme na imaxe do principiño.

Durante a hora de biblioteca, xogaremos ao BINGO CLÁSICO, con adiviñas de personaxes de contos. Este é un dos cartóns.


E para rematar, con este LIM aprenderemos moitas cousas sobre a celebración do Día do Libro.



sábado, 20 de abril de 2013

mércores, 10 de abril de 2013

ADEUS A JOSE LUIS SAMPEDRO

O domingo finou en Madrid aos 96 anos José Luis Sampedro, escritor, humanista y economista. 
Imaxe de Rosana Rodiles (Ceip de Pazos)
Un nome que sempre nos trouxo intelixencia e pensamento.
Un economista que sempre tivo presente que o mercado debería estar ao servizo da colectividade.
Uns libros para ler e...ler e...ler. Moito van ter que ler os clubs e moito botarán de menos esa referencia viva.
Un vello que nunca foi vello. Un home de idade que nunca debía morrer.
Un pensador que sempre nos fará falla.
Nin damas de ferro nin iconas da imaxe. Escritores que souberon envellecer... Se algunha vez a colectividade lle puxo o seu nome a unha rúa, cole, biblioteca, aula... non terá que arrepentirse.
Autor de grandes novelas:
La sonrisa etrusca
Octubre, octubre
La vieja sirena
El río que nos lleva...
Autor de libros de economía:
El mercado y nosotros
El mercado y la globalización
La inflación (al alcance de los ministros)
Economía humanista. Algo más que cifras.
Conversaciones sobre política, mercado y convivencia.
Autor do prólogo da edición española de ¡Indignaos!
                                                               Rede Lectura

Selección de conversas de Sampedro con Olga Lucas que nos chega a través do Segrel do Penedo (IES de Fene)



Entrevista de Jordi Évole a José Luis Sampedro

luns, 1 de abril de 2013

2 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Dende 1987, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, celébrase o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL.
Cada ano un país elixe o tema e selecciona un autor ou autora importante do país para que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas e un ilustrador ou ilustradora para que deseñe o cartel.
Este ano a autora do poema é a mexicana Pat Mora e da traducción ao galego encargouse Concha Blanco.

Lemos xuntos, ti e eu.
Vemos que as letras forman palabras
e as palabras convértense en libros
que estreitamos nas nosas mans.

Oimos murmurios
e ríos buliciosos nas súas páxinas,
osos que cantan
graciosas melodías á lúa.

Entramos en misteriosos castelos
e das nosas mans soben ata as nubes
árbores florecidas. Vemos nenas valentes que voan
e nenos que atrapan as estrelas.


Lemos xuntos. Ti e eu, dando voltas e voltas,
percorrendo o mundo coa alegría nos libros.

O ilustrador estadounidense Ashley Bryan foi o encargado de deseñar o cartel:

PREME NA IMAXE

O martes 2 de abril durante a hora de ler todos leremos este poema cos nosos alumnos e alumnas.