luns, 29 de setembro de 2014

MAFALDA ESTÁ DE ANIVERSARIO

O 29 de setembro de 1964 foi o día do nacemento de Mafalda como personaxe de historieta, según o seu autor, o arxentino Quino. Publicouse por primeira vez  na revista Primera Plana, unha revista semanal de Bos Aires. 
Mafalda é unha nena de seis anos que se preocupa de maneira excesiva por todo o que acontece no mundo, escoitando as malas novas da radio ou da televisión pero sempre coa esperanza de que algún día todo se arranxe e se consiga a paz mundial.
Mafalda odia a sopa o que lle provoca certas discusións coa súa nai. Os seus pais son de clase media; a nai é ama de casa e non rematou os estudios, cousa que Mafalda sempre lle recrimina; o pai é un axente de seguros moi preocupado pola economía familiar. 
O seu primeiro amigo foi Felipe, un neno de sete anos, moi tímido e angustiado pola vida.
Despois chegaron os demais: Miguelito que se caracteriza polo seu pouco coñecemento das cousas, as cuestións absurdas e as deducións sen sentido. Susanita, a mellor amiga de Mafalda, é moi egocentrica, sempre trata de dar envexa aos demais e a súa gran obsesión na vida é casar e ter moitos fillos. Libertad é a máis baixiña do grupo e non lle gusta a xente alta. Guille, é o irmán pequeno de Mafalda, un neno inocente, rebelde e inxenuo ao que lle gusta a sopa, o que provoca algunha lea entre os irmáns. 
O autor das tiras cómicas de Mafalda chámase Joaquín Salvador Lavado Tejón, máís coñecido como Quino. Nado o 17 de xullo de 1932 na cidade de Mendoza, en Arxentina, é humorista gráfico e creador de historietas.

Se queres coñecer máis a fondo a Mafalda, aos seus pais, a Quino e aos seus amiguiños: Felipe, Manolito, Susanita, Miguelito, Libertad e Guille, preme na imaxe "El mundo de Mafalda"

mércores, 10 de setembro de 2014

XA ESTAMOS DE VOLTA!!!

Hoxe demos comezo a un novo curso escolar e as aulas volvéronse encher de algarabía. 

No Bibliocastelo, estamos preparando os últimos detalles para ter todo a punto  na apertura da biblioteca, o vindeiro mes de outubro.

Este ano arrancamos con algunha novidade. En  primeiro lugar o portal educativo ven de publicar as INSTRUCCIÓNS, da dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares para o curso 2014/2015.




Por outra banda, xa sabemos cal é o lema escollido este ano para o cartel da campaña de comezos de curso nas bibliotecas escolares galegas: BIBLIOTECA ESCOLAR...MATEMÁTICO!!!  A imaxe é obra de DAVID PINTOR que interpretou unha biblioteca matemática polos catro costados chea de vida.