luns, 24 de abril de 2017

LIBROS QUE UNEN : O PRINCIPIÑO

Hoxe non foi un día calquera. Esta primavera solleira de efervescencia cultural acompañounos na celebración dunha xornada de irmandade coas rapazas e rapaces do Colexio Montemogos de Beluso.


A medio camiño entre o Día Internacional do Libro e o das Letras Galegas, un libro esencial da Literatura universal uniu as nosas traxectorias: O Principiño, marabillosa novela do autor francés Antoin de Saint-Exupéry, cuxa primeira tradución ao galego levou a cabo o noso escritor e académico Carlos Casares, homenaxeado este ano 2017 o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Tratábase dunha coincidencia de dobre dirección: no Colexio de Montemogos e máis no noso, o tema central do proxecto da biblioteca para este curso é o CINE e os alumnos e alumnas de ambas as dúas escolas traballaron a historia do Principiño, lendo o libro que unha produtora de películas de animación levou ao cine e visualizando e comentando a película que hai sobre o mesmo.
Ambos percorridos confluíron hoxe no noso Bibliocastelo dun xeito realmente especial : a magnífica exposición de máis de 70 edicións diferentes do Principiño, publicadas en idiomas de catro continentes (chinés, galego, castelán, bretón, gaélico...) , que moi xenerosamente nos prestou Loli Docampo, mamá de catro dos nosos alumnos: Quique, Roi, Uxía e Mariña.


Tras visitar a exposición, os nenos e nenas da nosa escola guiaron aos seus convidados ata o mural que elaboraron no corredor da súa aula a propósito da lectura e análise do libro.




Despois de tanto traballar, ben merecían unha boa merendola! Todo estaba riquísimo!


Rematado o recreo, por parellas, gozaron da lectura nun fermoso apadriñamento lector. Cada un dos nosos alumnos e alumnas seleccionara previamente o libro que había compartir con aquel neno ou nena a quen lle enviara a tarxeta de presentación convidándoo a vivir esta xornada de irmandade.




Ollade o seguinte vídeo, para comprobar o ben que o pasaron nos apadriñamentos e amadriñamentos lectores.


E para rematar este día tan especial, os nenos e nenas convertéronse en actores e actrices para escenificar a HISTORIA DO CINE. Había piratas, vaqueiros, gánsters, e ata actores do cinema mudo. Ollade, ollade!!



Foi unha experiencia marabillosa, que esperamos que se volva repetir!

Ningún comentario:

Publicar un comentario